Wednesday 08 de May de 2024

O Concello remata os traballos de mellora na rede de saneamento nas rúas José Cornide, Médico Devesa e Albert Camus


En José Cornide remodelouse tamén o paso peonil existente no cruzamento coa avenida Alfonso Molina, facéndoo máis accesible e deseñándoo para a pacificación do tráfico

O Concello da Coruña rematou esta semana tres intervencións, dentro dos plans de mellora integral da rede de saneamento, nas rúas José Cornide, no Ensanche; Médico Devesa Núñez, en Lonzas; e Albert Camus, situada no barrio de Monte Alto, na contorna da Domus e o Paseo Marítimo.

Nestas tres rúas, o Concello acometeu a substitución dos antigos colectores, feitos con base de gres e con 200 mm de diámetro exterior, por uns novos de PVC cun diámetro de 315 mm, dando continuidade a melloras xa executadas polo Goberno de Inés Rey noutros puntos da cidade, sempre baixo estes parámetros, renovando o material dos colectores e apostando por un diámetro exterior que reforce a seguridade fronte a posibles fugas.

No caso específico de Médico Devesa Núñez, as obras centráronse no sector sur da rúa, concretamente no tramo da beirarrúa esquerda lindeira onde está localizado o punto de control para o acceso e a saída do cuartel da Policía Nacional.

Por outra banda, o Concello aproveitou os traballos na intersección entre as rúas Albert Camus e Ángel Rebollo, en Monte Alto, para executar unha renovación total do firme e o repintado dos pasos peonís situados na contorna.

Melloras de accesibilidade no cruzamento entre a rúa José Cornide e Alfonso Molina Ademais da renovación da rede de saneamento, e co obxectivo de reforzar a seguridade viaria, o Concello levou a cabo unha intervención en José Cornide para remodelar o paso peonil existente no cruzamento entre esta rúa e a avenida de Alfonso Molina, que pasa a estar disposto en elevación, contribuíndo así a pacificar o tráfico rodado na vía de entrada á rúa José Cornide, unha rúa que, ademais, é Zona 30.

En paralelo, Infraestruturas executou unha ampliación das beirarrúas en ambos os lados do acceso á rúa José Cornide desde a avenida Alfonso Molina, coa disposición dun novo pavimento de lastras na meirande parte da beirarrúa. Por outra banda, e concretamente no acceso ao paso peonil, dispúxose baldosa podotáctil, en relevo, para facilitar a orientación das persoas invidentes.

Por último, concretáronse os traballos para incrementar a superficie das zonas verdes próximas ao paso peonil, coa disposición dunha nova área axardinada onde se integraron dous tileiros, no sector esquerdo da beirarrúa.